Calendario
Info da proba

Depo Desafío "Triatlón" Vigo

07/10/2018 11:00 - 14:00
Regulamento REGULAMENTO DEPODESAFÍO 2018
1. PRESENTACIÓN
As probas do DepoDesafío están organizadas pola Deputación de Pontevedra e contan coa colaboración dos concellos onde se celebren as diferentes probas e de Augas de Mondariz.
É un circuíto aberto a todas as persoas maiores de 18 anos que desexen participar.
O DepoDesafío está composto por 5 probas (tríatlon, trail, travesía, BTT e carreira a pé) das cales se deben finalizar polo menos 4, debido a que para a clasificación final só se terán en conta 4 resultados das 5 probas que compoñen o desafío. Si se finalizan as 5 probas teranse en conta os 4 mellores resultados, ademais, a ou o deportista que participe nas 5 probas obterá un bono adicional de 50 puntos extra.
Todas as persoas participantes no desafío, polo feito de participar nunha proba, aceptan o regulamento particular desta e o xeneral do desafío, formalizando a inscrición con todos os dereitos e obrigacións.
Pódese participar no desafío, o que significa a inscrición nas 5 probas, ou nunha soa proba.
Na información particular de cada proba indicaranse as súas características técnicas.
O DepoDesafío quere contribuír a popularizar as probas que o compoñen e a dar a coñecer as paraxes e vilas por onde se desenvolven, á vez que promove e conciencia a poboación sobre a práctica do deporte popular no contorno natural dunha maneira respectuosa, sustentable e responsable.
Calquera consulta en relación co desafío ou algunha das súas probas poderá realizarse a través de deportes@depo.es ou no teléfono 886 210 385.
2. PARTICIPACIÓN
A participación no DepoDesafío está aberta a toda persoa que o desexe, federada ou non, que cumpra coa normativa de idade e se considere capacitada para este tipo de práctica deportiva.
Cada participante poderá tomar parte nunha, varias ou todas as probas do desafío.
3. CATEGORÍAS
O DepoDesafío e as súas probas só terán categoría masculina e feminina e todas as persoas participantes competirán baixo a mesma normativa que se establece neste regulamento.
Na modalidade de desafío só haberá unha campioa e un campión por categoría e nas probas individuais establecerase unha 1.a, 2.a e 3.a persoa clasificada en cada modalidade (masculina e feminina).
4. INSCRICIÓNS
Formalización da inscrición
1) Desafío:
A inscrición realizarase con tarxeta de débito ou crédito a través da plataforma de pago na páxina web da Deputación de Pontevedra (www.depo.gal) a partir das 09:00 da maña do Martes 08 de Maio, indicando a modalidade de desafío (30€), ata completar as 300 prazas. O prazo de inscricións finalizará o Luns 02 de Xullo as 14:00.
2) Probas individuais:
A inscrición realizarase con tarxeta de débito ou crédito a través da plataforma de pago na páxina web da Deputación de Pontevedra (www.depo.gal) a partir das 09:00 da maña do Martes 08 de Maio, indicando a modalidade de proba individual (10€ por proba, excepto o tríatlon que serán 15€), ata completar o límite de prazas establecido para a proba seleccionada. O prazo de inscricións finalizará o martes anterior á realización de cada proba, ás 14:00 horas.
Entrega de dorsais
Poderase recoller o dorsal da modalidade de desafío desde o luns 09 de Xullo ata xoves 19 de Xullo no Servizo de Deportes, Pazo provincial da Deputación de Pontevedra, Avda. Monteros Ríos s/n, 36071 Pontevedra. Co dorsal entregarase unha bolsa do corredor con material deportivo.
Para as modalidades de proba individual os dorsais recolleranse o mesmo día da proba no punto informativo que estableza a organización ata 30 minutos antes do inicio da proba.
As prazas para o desafío serán un máximo de 300 e para a modalidade individual un máximo de 100, que suman un total de 400 prazas por proba.
5. NORMATIVA
As persoas participantes deberán completar o proceso de inscrición de forma satisfactoria, aceptando os seus termos e condicións.
Unha vez que o rexistro se formalizase correctamente a asistencia confirmarase a través da páxina web.
As persoas inscritas non poderán cancelar nin solicitar o reembolso da tarifa de inscrición.
Se por algún motivo non se pode participar na carreira, é posible realizar un cambio de titular do dorsal ata o Venres 06 de Xullo as 14:00. O cambio de titularidade debe facelo quen realizou a inscrición.
A persoa participante ten a obrigación de coñecer e respectar as regras de competición, así como as normas de circulación e as instrucións das persoas responsables de cada proba.
A persoa participante é responsable do seu propio equipo e deberá utilizar, sen modificar, todos os dorsais e elementos de identificación proporcionados pola organización.
En todo momento debe respectar o medio ambiente da zona na que se desenvolve a competición, non abandonando nin guindando obxectos, nin actuando de forma agresiva contra o contorno.
O tempo total de cada participante cóntase desde o momento en que se dá a saída ata que traspasa a liña de meta.
É obrigatorio pasar polos puntos de control intermedios que poida establecer a organización de cada proba. As persoas participantes que non sexan rexistradas en todos os puntos de control serán descualificadas. Estes puntos de control intermedios non se farán públicos previamente.
As persoas que abandonen a proba deberán comunicarllo á organización.

6. PROBAS (especificacións técnicas)
 DepoDesafío Carreira a pe
• Lugar: Concellos de Tomiño-O Rosal-A Guarda
• Data de realización: Domingo 22 de Xullo
• Hora: 10:30 a saída
• Distancia: 21 km 079 m
• Normas básicas:
Calzado e roupa deportiva
 DepoDesafío Travesía
• Lugar: Concello do Grove
• Data de realización: Domingo 12 de Agosto
• Hora: 11:30 a saída
• Distancia: de 1.200 metros
• Normas básicas:
– O uso de traxe de neopreno está permitido
– Material necesario:
 Gorro de natación (proporcionado pola organización)
 Traxe de baño ou traxe de neopreno
 DepoDesafío Trail
• Lugar: Concello da Cañiza
• Data de realización: Domingo 26 de Agosto
• Hora: 10:30 a saída
• Distancia: de 15 km
• Normas básicas:
– Calzado e roupa deportiva
 DepoDesafío BTT
• Lugar: Concello de Cerdedo e Cotobade
• Data de realización: Domingo 16 de Setembro
• Hora: 11:00 a saída
• Distancia: 35 km
• Normas básicas:
– Material necesario:
 Bicicleta e casco.
 DepoDesafío Tríatlon
• Lugar: Concello de Vigo.
• Data de realización: Domingo 07 de Outubro
• Hora: 10:30 a saída
• Distancia: 750 m de natación, 20 km de ciclismo e 5 km de carreira a pé
• Normas básicas:
– Natación
O uso de traxe de neopreno está permitido.
– Ciclismo
Nesta proba poderanse utilizar bicicletas de estrada ou de montaña.
O uso de casco ríxido correctamente abrochado é obrigatorio desde antes de coller a bicicleta ata despois de deixala na zona de transición. Isto inclúe, polo tanto, todo o segmento de ciclismo e os percorridos polas áreas de transición en posesión da bicicleta.
Está permitido ir a roda doutras e doutros participantes ou ir en grupo.
– Carreira a pé
Nas competicións nas que o segmento de carreira a pé sexa un circuíto con varias voltas, é responsabilidade do deportista contar as voltas que leva e saber a distancia que lle queda por percorrer.
– Material necesario
 Gorro de natación (proporcionado pola organización)
 Traxe de baño ou mono de tríatlon
 Zapatillas de correr
 Bicicleta de estrada ou montaña
 Pódense usar as zapatillas de correr tamén para a bicicleta ou unhas zapatillas con calas que se adapten ao pedal
 Casco (obrigatorio)
A organización do DepoDesafío poderá suspender, aprazar ou substituír algunha proba por necesidades organizativas ou polo beneficio das e dos deportistas. Calquera cambio notificarase debidamente.
7. MATERIAL OBRIGATORIO
As persoas participantes deben contar cos medios necesarios para a realización de cada proba, coma vestimenta e material específico.
Deben asegurarse de que o seu vestiario, equipamento e avituallamento (líquido e sólido) sexan apropiados para realizar cada proba en función da súa distancia, dificultade técnica, desniveis e climatoloxía.
A organización poderá supervisar o material co que participan antes da saída, durante o percorrido e en liña de meta.
A ausencia do equipo obrigatorio poderá supoñer a descualificación.
8. CRONOMETRAXE
As probas do DepoDesafío estarán controladas mediante cronometraxe con chip.
Cada participante deberá portar durante toda a proba o chip de cronometraxe que lle entregará a organización e que servirá para determinar o seu tempo.
Poderán existir puntos de control intermedios polos cales é obrigatorio pasar. Se non o fan, serán descualificados.
9. CLASIFICACIÓN DO DEPODESAFÍO
Cada participante poderá asistir a cantas probas desexe das que compoñen o desafío, pero para que formen parte da clasificación xeral deberá puntuar polo menos en 4.
Para cada proba outorgarase a seguinte puntuación:
1.º-200 11.º-85 21.º-35
2.º-160 12.º-80 22.º-30
3.º-140 13.º-75 23.º-28
4.º-125 14.º-70 24.º-26
5.º-115 15.º-65 25.º-24
6.º-110 16.º-60 26.º-22
7.º-105 17.º-55 27.º-20
8.º-100 18.º-50 28.º-18
9.º-95 19.º-45 29.º-16
10.º-90 20.º-40 30.º-14
Ademais, a ou o deportista que participe nas 5 probas obterá un bono adicional de 50 puntos extra.
A persoa gañadora da clasificación xeral do DepoDesafío será a que acumule máis puntos unha vez celebradas todas as probas, tendo en conta só os 4 mellores resultados mais o bono por participar nas 5 probas.
En caso de empate entre dous ou máis participantes terase en conta o resultado da proba de tríatlon.
As clasificacións oficiais publicaranse na web www.depo.gal
10. PREMIOS
Premio do DepoDesafío 2018
A gañadora e o gañador do DepoDesafío recibirán un trofeo que os acredite como gañadores e un dorsal personalizado e intransferible para a maratón Berlín, que inclúe voo e aloxamento para ela, el e os seus acompañantes.
A entrega de premios realizarase ao finalizar as probas ou na Deputación de Pontevedra o día estipulado para tal efecto.
Premio das probas individuais
En cada proba individual entregarase un trofeo ás tres primeiras persoas clasificadas en cada unha das dúas modalidades (feminina e masculina), que lles acredita ser as e os gañadores na proba específica do DepoDesafío.
11. RECLAMACIÓNS
Unha vez publicada a clasificación final de cada proba na web, establécese un período de tres días para efectuar as reclamacións por escrito que se estimen oportunas; non se aceptará ningunha reclamación fóra deste prazo. As reclamacións só se poderán efectuar a través do rexistro da Deputación. Resoltas as reclamacións ou superado o período de tres días estableceranse as clasificacións definitivas.
12. DESCUALIFICACIÓNS
Os motivos de descualificación, ademais dos indicados no regulamento, son:
– Non presentarse ao control de firmas
– Participar cun dorsal ou chip asignado a outra persoa ou non autorizado pola organización
– Realizar a inscrición cos datos alterados
– Non realizar o percorrido completo, abandonar ou non pasar por algún punto de control. Excepcionalmente, no suposto de haber un erro do que as ou os participantes non saquen vantaxe, reunirase o comité de competición, que será quen terá a competencia para resolver
– Ter un comportamento non deportivo ou non respectuoso coas persoas organizadoras, colaboradoras, xuízas, público e resto de participantes
A decisión sobre a posible descualificación dalgunha persoa participante, tanto polos puntos mencionados coma por outros que poidan estar recollidos no regulamento da proba onde se dispute, será adoptada pola dirección.
13. SEGURO DE ACCIDENTES
Todas e todos os participantes contarán cun seguro colectivo de accidentes e seguirán en todo momento as indicacións realizadas pola organización a través das persoas voluntarias, técnicas, xuízas, persoal acreditado ou o servizo oficial de megafonía.
Quen participe nunha proba do desafío asume que practica un deporte no que pode existir risco para a súa integridade física e que as condicións e desenvolvemento desta práctica deportiva só as pode controlar a ou o propio deportista; debe elixir en cada momento e situación a súa forma de actuar e adecuala á orografía do terreo e ás súas condicións físicas e técnicas. Por tanto, cada participante é o único responsable da súa actuación e das consecuencias que se puidesen derivar dun suposto accidente, o que exime aos organizadores de toda responsabilidade respecto diso.
14. DEREITOS DE IMAXE
De acordo aos intereses deportivos, de promoción, distribución e explotación das probas que compoñen o DepoDesafío e mediante a aceptación do presente regulamento, a persoa participante autoriza expresamente á organización para fotografar ou gravar total ou parcialmente a súa participación, presta o seu consentimento para que a súa imaxe poida ser utilizada na promoción e difusión das probas de todas as formas posibles (radio, prensa, vídeo, foto, DVD, internet, carteis, medios de comunicación etc.) e cede todos os dereitos relativos á explotación comercial e publicitaria que a organización considere oportuno executar, sen dereito pola súa banda a recibir compensación económica ningunha.
A ou o participante tamén lle dá permiso á organización para facer uso publicitario da súa presenza na competición sempre que sexa con fins lexítimos.
15. PROTECCIÓN DE DATOS
De conformidade coa Lei orgánica 15/1999 de protección de datos persoais, a persoa participante dá o seu consentimento para o tratamento dos datos persoais que figuran na súa inscrición, así como da súa imaxe dentro da proba para os fins propios da organización, desenvolvemento e promoción do DepoDesafío.
Así mesmo, autoriza os diferentes organizadores das probas e as empresas responsables de inscricións e cronometraxes a xestionar e divulgar os datos persoais que esta lles comunique aos organizadores, co obxecto de publicar as puntuacións derivadas da súa participación nas diferentes probas e formar parte da lista de participantes neste circuíto.
16. ACEPTACIÓN DO REGULAMENTO
O mero feito de inscribirse nalgunha das modalidades que compoñen o DepoDesafío supón a aceptación deste regulamento e a renuncia a toda acción legal que puidese derivarse da súa participación.
Cada proba pode dispoñer dun regulamento propio que detalle cuestións concretas desta. En caso contrario, estarase ao disposto no presente regulamento do DepoDesafío.
Calquera circunstancia que non quede reflectida na normativa do circuíto ou da proba correspondente será competencia exclusiva da dirección do desafío.
17. MODIFICACIÓNS
A organización do DepoDesafío reserva o dereito de realizar calquera cambio neste regulamento se así o considera oportuno. Calquera cambio notificarase debidamente.
Toda a información oficial sobre o DepoDesafío pódese consultar na nosa web www.depo.gal.